jueves, 20 de enero de 2011

O RETORNO DE VILLARINA C-3




Capítulo 3



“O día do accidente”


Uns días despois, a primavera xa enchera o bosque de flores. Os paxaros cantaban as súas mellores melodías tentando topar  noiva entre as femias dos arredores. A miña familia e mais eu comiamos herba nunha pradaría.

Polo prado voaban montóns de bolboretas e, como me encantaban as súas cores máis vivas, distraínme perseguindo unha delas.

Cheguei a unhas rochas de  cuxas fendas  saían algunhas ramas.

-          Seguro que son capaz de trepar coma a  mamá- díxenme.

Finquei as uñas das miñas patas dianteiras na rocha e empecei a trepar. Xa case chegara ao máis alto cando ZAS!, esvarei e caín.
            Perdín o coñecemento. Ao espertar víao todo borroso e custábame camiñar en liña recta. Non recordaba como chegar á pradaría onde se encontraba a miña familia. Estaba perdida.

De súpeto, sentín que as miñas patas non me respondían. Non podía moverme. Entón deime conta do que pasaba. Aínda que nunca antes vira un, souben que os dous que me estaban a suxeitar eran humanos.

            Tratábase de dous turistas que estaban de excursión polo bosque. Viran que eu estaba ferida e querían levarme a un lugar onde puidesen curarme.

            Pero iso sóubeno despois. Naquel intre estaba morta de medo, pero tan débil que me foi imposible defenderme. Logo, desmaieime de novo.