jueves, 20 de enero de 2011

O RETORNO DE VILLARINA C-1

O RETORNO DE VILLARINA. Un  conto de osos, pitas do monte  e humanos.


Capítulo 1

“ O meu primeiro inverno na oseira”

Chámome Villarina, teño dous anos e son unha osiña parda.

A historia que vos vou contar comeza o día en que os meus irmáns e mais eu nacemos. Foi nunha cova pequeniña que miña nai escavara debaixo dunha gran rocha.

A oseira  – así se chamaba a nosa casa – foi o noso fogar ao primeiro. Eramos tan fráxiles que a nosa vida dependía do leite  e da calor da mamá.

Non tiñamos pelo, pesabamos menos que un libro de contos e eramos cegos!
Fóra era inverno e o bosque estaba cuberto de neve.



Cando a mamá soubo que os meus irmáns e mais eu estabamos de camiño , comezou a comer moitas castañas e tamén landras para poñerse gorda como unha buxaina e dese xeito poder fabricar o rico  e nutritivo leite para nosoutros.

Amais, dentro da nosa oseira, respiraba máis amodo e facía que o seu corazón latexase máis lentamente que de costume.
Así é como aforraba enerxía.

Ela sabía que o inverno sería longo e non podería saír á procura de comida.
A nosa mamá era incrible!





            Un bo día, cando xa levabamos catro meses na escura cova chegou a primavera!. Os raios do sol derreteron a neve acumulada na entrada da nosa oseira.

Por fin poderiamos saír ao exterior!. Tiñamos tantas ganas de saber que era o que nos agardaba fóra que os meus irmáns e mais eu puxémonos a correr e saltar coma tolos.

-        Osiños! Trubio! Urrielu! Villarina!

A mamá estábanos a chamar, e como cos nosos berros non podiamos oíla, tivo que ruxir con todas as súas forzas para poder chamar a nosa atención.


 - Agora escoitádeme con atención, osiños. Isto que vos vou dicir é moi importante se queredes sobrevivir no bosque. Entón a mamá deunos os tres consellos que todo oso debe coñecer:
1- Encher o estómago sempre que se poida.
2- Poñer atención aos perigos do bosque.
3- Manterse afastados dos homes.

A mamá tamén nos dixo que cando a bisavoa era pequena había centos de osos coma nós nestas montañas.

Agora só quedan cento trinta! É algo terrible.
Por iso temos que estar tan atentos  aos perigos do bosque.