jueves, 20 de enero de 2011

O RETORNO DE VILLARINA C-2








Capítulo 2

“A grande despensa do bosque”

Despois dun inverno tan longo estabamos mortos de fame.
Era o intre de aprender a lección máis importante:
Como encher o noso bandullo.

A mamá amosounos os lugares onde buscar alimentos, como conseguilos e todos os segredos que un oso pardo debe coñecer para aproveitarnos das marabillas que o bosque pode   ofrecernos.

A nosa mamá era a mellor.

Ela camiñaba diante e nós xogabamos a poñer as nosas patas sobre as pegadas que deixaba na neve. Tiñamos que dar brincos para alcanzar as súas grandes zancadas. Era moi divertido.


Mentres avanzabamos a mamá explicounos que algunhas veces, durante o inverno, algúns animais que non hibernan como nosoutros poden morrer de frío.

O bosque é a nosa despensa, e a neve funciona como unha grande neveira – dixo a mamá - . Seguramente atoparemos landras e castañas do ano pasado e, se o meu olfacto non me engana…
Bingo, hai un animal soterrado na neve!

Era un corzo. O pobre rompera unha patiña e non puido sobrevivir ao inverno. Algo tan triste era unha sorte para nós: meus irmáns e mais eu puidemos comer e a mamá recuperou toda a enerxía que empregara para alimentarnos durante o longo inverno.


Unha vez que tivemos os bandullos cheos, a mamá tapou os restos do animal cunhas pólas e díxonos:

- Se nos damos unha enchedela despois doeranos a tripa. Mañá volveremos e comeremos máis. Esperemos que para daquela, os voitres e os lobos no comesen todo.

Seguimos descendendo aba abaixo. Polo camiño a mamá demostrounos o hábil que pode ser un oso cando de buscar alimento se trata: agarrouse ao tronco dunha cerdeira e abanear para que os seus brillantes froitos vermellos caesen ao chan. Os tres osiños abalanzámonos tolos de contentos sobre o manxar.

É unha sorte que os osos comamos tantos tipos de alimentos

Pensaba no xenial que é un oso cando de súpeto

CATAPLOF!     PLAF!     GROOOOOUM!

Un estrondo enorme. Asustámonos moito, porque aínda que os osos non temos moi boa vista, o noso oído é excelente.

A mamá empurrounos detrás duns arbustos e díxonos que debiamos permanecer calados.

Por que, que pasaba?

Mirei de esguello cara ao lugar do ruído e vin  un oso pardo enorme e escuro dándolle poutadas a unha colmea. As súas poutas eran tan grandes que varios anacos saíron disparados polo ar. As abellas parecían enfadadas e zumbaban coma tolas ao seu arredor .

Co que lles custara fabricar o mel!



A mamá contounos en voz baixa que aos osos encántanos o mel e as larvas das abellas.

Por iso nos chaman “osos lambóns”.

O meu irmán Trubio comezou a saír do seu escondedoiro. Facíaselle a boca auga con ese mel tan saboroso ( a verdade é que a min tamén) e pensou que talvez ao grande oso pardo non lle importaría compartir un pouco.

-          Non! – berrou a mamá – agarrando a Trubio dunha pata antes de que o enorme oso o vise - . Ese oso anda á xaneira, buscando osas coas que se aparear. Podería mesmo atacar a un pequeno osiño coma ti con tal de conseguir o seu obxectivo.

Estivemos a observar o precioso oso ata que marchou. Cando acabou co mel, foi rañar a tripa e as costas contra o tronco dun carballo.  A nosa nai contounos que co seu olor avisaría outros machos de que el xa pasara por alí.