lunes, 14 de noviembre de 2011

O inverno


Chove. Vai moito vento. O frío que padecemos nesta última semana borrou de golpe os agarimos que nos facía Apolo, deus do Sol, nas tardes de outubro que permitían desfrutar dun verán tardío. Fuxiron de súpeto as horas de calor, os días de outono lucindo roupa de tirantes, vestindo pantalón curto e facendo deporte ao aire libre do xeito máis agradable. Chega o inverno, imparable, convídandonos ao acendido das calefaccións, aos xantares con caldo e ás actividades deportivas de interior. Comezamos as clases de baile, o aérobic ou as sesións de ximnasio. Atrás fican os paseos que aseguraban o mantemento do bronceado estival. Que necesaria é a auga, pero que axiña nos cansa…

Os días vólvense grises, convértense en xornadas duras nas que desfacemos un par de paraugas no banal intento de protexernos dunha chuvia que acompaña ao anunciado temporal. E, sen previo aviso, ata vemos a primeira neve, preto da Mezquita ou mesmo no Cebreiro. Isto fainos reaccionar de golpe. Temos que mudar a roupa de verán. Xa non hai volta atrás. Custa desprenderse dos zapatos máis lixeiros, é tempo de botas, de abrigos, de bufandas e luvas. Son estes días os que me fan lembrar con especial emoción os poemas que falan do outono e do inverno, as estacións máis melancólicas, o período do ano que ansiamos transcurra axiña. Alomenos así o sinto eu, unha namorada do tempo estival, do verán e da primavera, dos días longos, coa sensación de contar con interminables horas de luz…
Hoxe, mentres escribo e asino estas liñas, vexo caer unha chuvia que molla a alma, sinto un frío no espírito que mal se pode combater co chocolate quente que degusto neste café esquecido no tempo, no espazo... E lembro ao poeta nicaragüense Rubén Darío, co seu maxistral poema titulado ‘De invierno’. O máximo referente do Modernismo deixou versos arquicoñecidos, que describen a unha dama parisina (Carolina) descansando nun sofá, do seguinte xeito: "envuelta con su abrigo de marta cibelina/y no lejos del fuego que brilla en el salón". O seu gato de angora branco busca o seu refuxio, escapando do frío que nestas tardes nos conxela a palabra. Sen gato, pero con abrigo de pel e gorro de lá haberá que lidiar co temporal que nos acompaña nas xornadas de preparación do Halloween, nas xornadas de honra aos defuntos. Móvense os cipreses, como adoita ser habitual nestas datas, na visita aos cemiterios, mentres depositamos as flores de rigor en cada sepulcro.
Coa melancolía que acompaña ao outono, recordo tamén o poeta Pablo Neruda, quen escribiu versos propios destes días no texto titulado ‘Jardín de invierno’. O chileno afirma ser un "libro de nieve", retrata o paso fugaz do outono e engade "todo pasó, fue cielo pasajero/ la copa del estío,/ y se apagó la nube navegante". Así se apagou o bo tempo para todos nós, comezando os días escuros, experimentando un xeito especial de morriña, ao botar de menos todo o que quedou atrás. Non perdamos o ánimo.  Cando nos deamos de conta estarán aquí de novo as escuras golondrinas de G. A. Bécquer.

RUTH FERNÁNDEZ




BENVIDA ADELA



Teño un berce
cheiño de ilusións
cheiño de ledicia

Teño un berce
ao carón da lareira
nel está Adela
a nosa pequena

Teño un berce
cheo de fermosas flores
e o arco da vella
encheuno coas súas cores

Teño un berce
preto do mar
o soliño mañanceiro
venmo  espertar
venmo  bicar

Teño un berce
no que recende a tomiño
que sempre está 
cargadiño de cariño

Quen aniña no meu berce?
aniña o meu ben
ela mirándome cos seus olliños
a nosa boneca
a nosa Adela




O     Catelo