martes, 25 de enero de 2011

Ven de contado o aniversario. Vinte anos.




OS TEUS OLLOS


                Cando se pon a lúa tras dos penedos,

            choran as estreliñas todas do ceo.


               Tamén eu choro, tamén eu choro,

            cando non me alumean eses teus ollos.



               Buscan os pitos reises para faguer niño,

   a herba santa que nace beira do rio.



  Eu busco solo, eu busco solo,

unha mirada meiga deses teus ollos




A

Agora ao monte...




Agora tócanos coñecer Ribeira de Piquín. Como diría O Catelo,
beleza enxebre, unha mestura ao natural.

E así son as de alí
aquelas que son como as demais
enxebres coma ningún outro lugar.

É mirar e descubrir ese encanto natural
esa mirada especial que as distingue
para ben ou para mal.

Chegan, soben, están
saben como tratar
non se quedan atrás.

Xa cho dí o refraneiro:
"raposo da montaña, avogado da ribeira".
Ata dín na miña terra:
"as de alí son máis traballadoras cas de abaixo"
Dende logo, gobernadoras...un cacho.


ACREDITACIÓN





   Anda que non me deu traballo! E o peor é descubrir o pouco que sei
de galego e o moito que me queda por aprender.

domingo, 23 de enero de 2011

Xa temos derriba o inverno. Hai que mollarse!






Canción de inverno

Cantan. Cantan.
¿Onde cantan os paxaros que cantan?

Choveu. Aínda as ramas
están sen follas novas.
 Cantan. Cantan os paxaros.
 ¿Onde cantan
os paxaros que cantan?

Non teño paxaros en gaiolas.
Non hai nenos que os vendan.
Cantan.
O val está moi lonxe.
Nada...

Eu non sei onde cantan
os paxaros -cantan,
cantan
os paxaros que cantan.


                                Juan Ramón Jiménez
                                         


jueves, 20 de enero de 2011

CONTO PARA NENOS; O RETORNO DE VILLARINA ( Un conto de osos, pitas do monte e humanos).

O RETORNO DE VILLARINA C-1

O RETORNO DE VILLARINA. Un  conto de osos, pitas do monte  e humanos.


Capítulo 1

“ O meu primeiro inverno na oseira”

Chámome Villarina, teño dous anos e son unha osiña parda.

A historia que vos vou contar comeza o día en que os meus irmáns e mais eu nacemos. Foi nunha cova pequeniña que miña nai escavara debaixo dunha gran rocha.

A oseira  – así se chamaba a nosa casa – foi o noso fogar ao primeiro. Eramos tan fráxiles que a nosa vida dependía do leite  e da calor da mamá.

Non tiñamos pelo, pesabamos menos que un libro de contos e eramos cegos!
Fóra era inverno e o bosque estaba cuberto de neve.



Cando a mamá soubo que os meus irmáns e mais eu estabamos de camiño , comezou a comer moitas castañas e tamén landras para poñerse gorda como unha buxaina e dese xeito poder fabricar o rico  e nutritivo leite para nosoutros.

Amais, dentro da nosa oseira, respiraba máis amodo e facía que o seu corazón latexase máis lentamente que de costume.
Así é como aforraba enerxía.

Ela sabía que o inverno sería longo e non podería saír á procura de comida.
A nosa mamá era incrible!





            Un bo día, cando xa levabamos catro meses na escura cova chegou a primavera!. Os raios do sol derreteron a neve acumulada na entrada da nosa oseira.

Por fin poderiamos saír ao exterior!. Tiñamos tantas ganas de saber que era o que nos agardaba fóra que os meus irmáns e mais eu puxémonos a correr e saltar coma tolos.

-        Osiños! Trubio! Urrielu! Villarina!

A mamá estábanos a chamar, e como cos nosos berros non podiamos oíla, tivo que ruxir con todas as súas forzas para poder chamar a nosa atención.


 - Agora escoitádeme con atención, osiños. Isto que vos vou dicir é moi importante se queredes sobrevivir no bosque. Entón a mamá deunos os tres consellos que todo oso debe coñecer:
1- Encher o estómago sempre que se poida.
2- Poñer atención aos perigos do bosque.
3- Manterse afastados dos homes.

A mamá tamén nos dixo que cando a bisavoa era pequena había centos de osos coma nós nestas montañas.

Agora só quedan cento trinta! É algo terrible.
Por iso temos que estar tan atentos  aos perigos do bosque.


O RETORNO DE VILLARINA C-2








Capítulo 2

“A grande despensa do bosque”

Despois dun inverno tan longo estabamos mortos de fame.
Era o intre de aprender a lección máis importante:
Como encher o noso bandullo.

A mamá amosounos os lugares onde buscar alimentos, como conseguilos e todos os segredos que un oso pardo debe coñecer para aproveitarnos das marabillas que o bosque pode   ofrecernos.

A nosa mamá era a mellor.

Ela camiñaba diante e nós xogabamos a poñer as nosas patas sobre as pegadas que deixaba na neve. Tiñamos que dar brincos para alcanzar as súas grandes zancadas. Era moi divertido.


Mentres avanzabamos a mamá explicounos que algunhas veces, durante o inverno, algúns animais que non hibernan como nosoutros poden morrer de frío.

O bosque é a nosa despensa, e a neve funciona como unha grande neveira – dixo a mamá - . Seguramente atoparemos landras e castañas do ano pasado e, se o meu olfacto non me engana…
Bingo, hai un animal soterrado na neve!

Era un corzo. O pobre rompera unha patiña e non puido sobrevivir ao inverno. Algo tan triste era unha sorte para nós: meus irmáns e mais eu puidemos comer e a mamá recuperou toda a enerxía que empregara para alimentarnos durante o longo inverno.


Unha vez que tivemos os bandullos cheos, a mamá tapou os restos do animal cunhas pólas e díxonos:

- Se nos damos unha enchedela despois doeranos a tripa. Mañá volveremos e comeremos máis. Esperemos que para daquela, os voitres e os lobos no comesen todo.

Seguimos descendendo aba abaixo. Polo camiño a mamá demostrounos o hábil que pode ser un oso cando de buscar alimento se trata: agarrouse ao tronco dunha cerdeira e abanear para que os seus brillantes froitos vermellos caesen ao chan. Os tres osiños abalanzámonos tolos de contentos sobre o manxar.

É unha sorte que os osos comamos tantos tipos de alimentos

Pensaba no xenial que é un oso cando de súpeto

CATAPLOF!     PLAF!     GROOOOOUM!

Un estrondo enorme. Asustámonos moito, porque aínda que os osos non temos moi boa vista, o noso oído é excelente.

A mamá empurrounos detrás duns arbustos e díxonos que debiamos permanecer calados.

Por que, que pasaba?

Mirei de esguello cara ao lugar do ruído e vin  un oso pardo enorme e escuro dándolle poutadas a unha colmea. As súas poutas eran tan grandes que varios anacos saíron disparados polo ar. As abellas parecían enfadadas e zumbaban coma tolas ao seu arredor .

Co que lles custara fabricar o mel!



A mamá contounos en voz baixa que aos osos encántanos o mel e as larvas das abellas.

Por iso nos chaman “osos lambóns”.

O meu irmán Trubio comezou a saír do seu escondedoiro. Facíaselle a boca auga con ese mel tan saboroso ( a verdade é que a min tamén) e pensou que talvez ao grande oso pardo non lle importaría compartir un pouco.

-          Non! – berrou a mamá – agarrando a Trubio dunha pata antes de que o enorme oso o vise - . Ese oso anda á xaneira, buscando osas coas que se aparear. Podería mesmo atacar a un pequeno osiño coma ti con tal de conseguir o seu obxectivo.

Estivemos a observar o precioso oso ata que marchou. Cando acabou co mel, foi rañar a tripa e as costas contra o tronco dun carballo.  A nosa nai contounos que co seu olor avisaría outros machos de que el xa pasara por alí.


O RETORNO DE VILLARINA C-3




Capítulo 3



“O día do accidente”


Uns días despois, a primavera xa enchera o bosque de flores. Os paxaros cantaban as súas mellores melodías tentando topar  noiva entre as femias dos arredores. A miña familia e mais eu comiamos herba nunha pradaría.

Polo prado voaban montóns de bolboretas e, como me encantaban as súas cores máis vivas, distraínme perseguindo unha delas.

Cheguei a unhas rochas de  cuxas fendas  saían algunhas ramas.

-          Seguro que son capaz de trepar coma a  mamá- díxenme.

Finquei as uñas das miñas patas dianteiras na rocha e empecei a trepar. Xa case chegara ao máis alto cando ZAS!, esvarei e caín.
            Perdín o coñecemento. Ao espertar víao todo borroso e custábame camiñar en liña recta. Non recordaba como chegar á pradaría onde se encontraba a miña familia. Estaba perdida.

De súpeto, sentín que as miñas patas non me respondían. Non podía moverme. Entón deime conta do que pasaba. Aínda que nunca antes vira un, souben que os dous que me estaban a suxeitar eran humanos.

            Tratábase de dous turistas que estaban de excursión polo bosque. Viran que eu estaba ferida e querían levarme a un lugar onde puidesen curarme.

            Pero iso sóubeno despois. Naquel intre estaba morta de medo, pero tan débil que me foi imposible defenderme. Logo, desmaieime de novo.

O RETORNO DE VILLARINA C-4






Capítulo 4


“A miña recuperación entre pitas do monte”

Cando acordei atopeime rodeada por un montón de humanos que me miraban con cara de preocupación.

Falaban entre eles. Uns dicían que era mellor devolverme ao bosque e esperar a  que miña nai volvese  buscarme.
Iso era o que eu máis quería no mundo.

Outros pensaban que se me deixaban no bosque podería morrer.

Leváronme a un lugar onde uns señores chamados “veterinarios” conectáronme a unhas máquinas que me axudaban a respirar. Dábanme de comer a través dun tubiño , tomábanme  a temperatura e botábanme gotas nos ollos para que recuperase a vista.

Foron moi bos comigo.
Con tantos coidados, axiña me empecei a sentir mellor. A proba é que cada vez botaba máis de menos correr polos prados cos meus irmáns. Pola noite pechaba os ollos e pensaba na miña familia. Tiña medo de esquecerme deles e de todo o que me ensinara miña nai sobre como sobrevivir no bosque.

Foi marabilloso o día en que por fin puiden erguerme da cama e poñer as miñas patas sobre a herba do xardín.

-                            Que fai aquí un bicho peludo coma ti?- foi o primeiro que escoitei ao saír do meu cuarto.

Vin que un paxaro grande e negro con cellas vermellas e peito verde cobreado mirábame fachendoso dende a póla dunha árbore.

-                            Son unha osa- díxenlle- e estou moi orgullosa da miña pelaxe.
-                           E ti quen es?
Eu xamais vira un paxaro coma aquel no bosque.

- Vaia pregunta – contestou o paxaro - . Son unha pita do monte.

        Entón abriu unha incrible cola en forma de abano. Era o máis fermoso que vira na miña vida.

-                            Guauuuu- era un animal magnífico.-
E, como non puiden ver nunca un animal coma ti?

Contoume que as pitas do monte (urogallos cántabros) viven nas mesmas montañas cós   osos pardos. O que sucede é que quedan tan pouquiños que é moi difícil chegar a velos. Os cazadores, os valos con picos e a falta de comida acabaron con boa parte das pitas do monte. Amais, o raposo e o xabaril comen os ovos que poñen as pitas do monte femias.

- Por certo, chámome Mansín.

- Eu son Villarina.
       
        A pesar das súas plumas e do meu pelo, Mansín e mais eu fixémonos amigos. Foi el quen me explicou que estabamos nun centro de recuperación de animais, onde persoas expertas encárganse de coidarnos.

Neste lugar – contoume Mansín – incúbanse ovos de pitas do monte de forma artificial. Cando nazan os novos poliños  soltaranos  no bosque. Quizais así, algún día, consiga volver ter unha gran familia.

        Uns meses despois Mansín marchou. Era o meu mellor amigo e botaríao moito de menos, pero tamén me puxen moi contenta porque me dixeron que volvera ao bosque.

        O primeiro que farei cando saia de aquí – dixérame Mansín – será encher o bandullo de arandos ata que non poida máis.

        Que gana tiña eu de facer o mesmo!.


O RETORNO DE VILLARINA C-5









Capítulo 5


“A miña liberación”


Todos os días imaxinaba a Mansín comendo arandos e cantando as súas mellores cancións de póla en póla.

Era moi bo cantante.

Tamén pensaba na miña familia, aínda que recoñezo que me daba medo volver ao bosque. Sería quen  de recordar  todos os  consellos que me dera miña nai?

E un bo día… Chegou o momento!

Puxéronme un aparatiño nas costas para que os humanos que me coidaban soubesen onde estaba e se me encontraba ben. Iso facíame sentir segura.

Metéronme nun coche e leváronme de volta ao bosque.

Ao chegar, non o pensei dúas veces: saín da gaiola e empecei a correr, tola de contenta.

Mirei para atrás, cara aos homes que me liberaran e recordei un dos consellos de mamá:

- “Mantédevos alongados dos homes”.

Na realidade, os humanos non eran tan malos. Curáranme e déranme de comer, e agora devolvéranme as miñas queridas montañas.

Durante os meses seguintes, ás veces descubría algún deles algún deles observándome dende unha rocha  ou escondido  detrás dun arbusto. Aínda hoxe véxoos. Non me molesta, porque sei que queren aprender máis sobre os costumes dos osos para axudalos no que poidan.

Preguntábame a miúdo onde estarían a  mamá e os meus irmáns.
        Volvería velos algún día?

        Mais o importante era prepararme para o inverno.

        Un día mentres buscaba comida veu ata min un olor familiar. Acheguei o meu fociño ao chan e camiñei na dirección que me indicaba o meu olfacto.

        Cando levantei a vista un enorme abano cegoume.

        Eu xa vira iso nalgunha parte

                - Mansín!

        Era o meu grande amigo pita do monte. Estaba facéndolle unha demostración de canto a unha guapa pita do monte con cara de namorada.

-       Villarina! – exclamou o meu amigo- Que alegría! Mira, atopei unha noiva. A que é fermosa? Pero non é o único que atopei no bosque.

Mansín mandoume que o seguise e comezamos a correr xuntos. Que é o que quería ensinarme?


        Eu corría a toda velocidade detrás do meu amigo, ata que de súpeto parou en seco. Ao lonxe, tres osos viñan correndo cara a nós.

        Recordei entón o encontro co grande oso pardo e estiven a punto de dar a volta. Un dos oso berrou o meu nome.

        Era a mamá cos meus irmáns!

        Foi o día máis feliz da miña vida. Despois dos bicos e os abrazos e de responder a todas as preguntas de meus irmáns, a mamá díxome:

-Villarina, estou orgullosa de ti. aprendiches moitas cousas e sobreviviches no bosque. Chegarás a ser unha osa adulta e responsable.

A alegría fíxome chorar. Eu tamén me sentín orgullosa.
Uns meses despois os meus irmáns e mais eu buscamos as nosas propias oseiras en diferentes partes do bosque.

Mamá namorouse dun guapo oso pardo e seguro que dentro de pouco nos presenta  aos nosos novos irmáns osiños.

Grazas aos vixiantes do parque e aos nenos coma vós os osos pardos poderemos seguir correndo polos bosques da Cordilleira Cantábrica.

FIN

domingo, 16 de enero de 2011

Cantiga popular

A raíz do toxo verde, 
é moi mala de arrincar,
os amoriños primeiros,
 
son moi malos de esquecer.
Unha vella díxolle a outra 
polo burato da porta:
ti goberna a túa vida
 
que a miña nada che importa.
A miña muller morreume 
e enterreina no palleiro,
deixeille un brazo fóra
 
para que tocara o pandeiro
Miña nai e maila túa 
quedan no río berrando
por culpa dunha galiña
 
que ten amores cun galo.

Ás nais...

MIÑA NAI, MIÑA NAICIÑA

Miña nai, miña naiciña, 
como a miña non hai ningunha,
que me quentou a cariña 
co calorciño da súa.


Miña nai como é tan pobre
cando non ten que me dar
éncheme a cara de bicos
e despois rompe a chorar.
Miña nai, miña naiciña,

miña nai do corazón,
moitas nais hai polo mundo,
pero coma a miña non.

viernes, 14 de enero de 2011

Principio do século XX. Mentes preparadas para quitar vidas. Moito progresamos nun século pero non aprendemos nada.O que máis me amola persoalmente é que a case ningén lle importa isto.

O mesmo mar, a mesma terra... a mesma vida, o mesmo sangue, o mesmo ser, o mesmo Deus, a mesma eternidade.

Tócalle a Portugal

Esta rapaza namora calquera coa súa voz





OXALA

Oxala, me passe a dor de cabeca, oxala

oxala, o passo nao me esmoreca;

oxala, o carnaval aconteca, oxala,

oxala, o povo nunca se esqueca;

oxala, eu nao ande sem cuidado,

oxala, eu nao passe um mau bocado;

oxala, eu nao faca tudo a pressa,

oxala meu futuro aconteca.

oxala, que a vida me corra bem, oxala.

oxala, que a tua vida tambem.

oxala, o carnaval aconteca, oxala,

oxala, o povo nunca se esqueca;

oxala, o tempo passe, hora a hora,

oxala, que ninguem se va embora,

oxala, se aproxime o carnaval,

oxala, tudo corra, menos mal.

Hei de estar ali

           

                                                               Non che prometo amor
falar do que non sei
mais se as mans che enfrían
hei de estar alí

Non sei dicir mentiras
falando de amor
mais se faltan as forzas
hei de estar alí

Preguntas polo amor
non me atrevo, non sei
mais se todos marchan
hei de estar alí

Queres falar de amor
que eu non sei dicir
mais se todos calan
hei de estar alí

Cantei coplas de amor
con palabras segredas
mais se ti mo pides
hei de estar alí

Cousa máis estraña!

                 

Andaba á procura de música de gaita ao xeito tradiccional e atopei isto.

                 

miércoles, 12 de enero de 2011

Letra de "Chove en Santiago".

Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e sono
cobren a baleira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.



       Luar na Lubre.

Ten fotiñas e sentimentos, non sei se para ledicia ou para bágoas.

                 




Cancionciña para nosa Rosalía 


Ti tamén te fostes
ti tamén te tivestes que ir
chorando por nos
chorando por ti.

Deixastes o que tiñas
por ter un porvir
baleiros nos deixastes
mais enchéstesnos co teu sentir.

Nosa amiga, nosa valedora
a terriña contigo foi
non toda quixo quedar aquí
para poderte acompañar
para te consolar
para non se extinguir.

Acórdasnos agora que non che temos
como si estiveras aquí
e aquí queremos que esteas
para lembrarnos
para vernos
para non esquecernos.

Grazas polo teu recordo
grazas polo teu vivir
grazas pola túa poesía
grazas por obrigarnos a sentir.

Ti tamén te fostes
ti tamén te tivestes que ir
agora xa non choras por nos
mais nos choramos por ti.

O    Catelo.

lunes, 10 de enero de 2011

Nosa veciña do lado

              



A fusión entre o tradicional e o moderno. Se ben non é necesario ir a Asturias para atopar isto nin moito       menos (aquí abonda), non é menos certo que a este señor isto quedoulle bonito.
            A paisaxe de Asturias sempre é fermosa pero a montaxe deste vídeo non ten prezo...

A terra dos Xan de Deza

    


«O Ciprianillo»

Xan de Deza, bon labrego,
que deixaches tanta sona
nas Castillas,
onde, manso boi galego,
fuche a gala, a flor e a tona
das cuadrillas.
Man de ferro, brazo forte,
fouce de ouro a máis lucida,
rei da sega,
que sen medo algún da morte
te afanaches toda a vida
na refrega.
Xornaleiro que aforraches
máis que toda a freguesía
traballando;
que de teu a ter chegaches
unha terra regantía,
carro e gando.
Triste paria, que por termo
dun vivir curvado e combo
sobre a eixada,
tópaste hoxe pobre e enfermo
e a pedir cun fol ao lombo
pola estrada.
Conta, conta, Xan de Deza,
cómo foi o te ir quedando
tan esguío,
e perder tanta riqueza
adiquirida suando
fío a fío.
Cóntame, Xan, que che pasa
pra, despois de ter mercado
casa e hortas,
vender hortas, vender casa
e andar hoxe atravesado
polas portas.
Hai quen di que non sei cando
non sei quen falouche á orella
-¡cousa estrana!-
dun libro de contrabando
escrito na fala vella
castellana.
Entre as follas revesgadas
dese libro danse señas
de tesouros
e riquezas enterradas
pé dos ríos e das breñas
polos mouros.
quen as busque, tras de lelo,
moedas topa conservadas
dos reis de antes,
peites de ouro pró cabelo
e arcas fondas cuguladas
de diamantes.
Ao saberes tal notiza
maxinaches do planeta
seres dono,
e roído da cobiza
dende entón nin paz completa
tes, nin sono.
Pra co libro te faceres
traballaches cal ferido
dunha espora,
fuches rico antes de o leres,
máis agora que o tes lido,
¿que es agora?
¡Pobre Xan, que desengano!
Cantas terras rexistraches
cos teus ollos
rexistráchelas en vano:
¡o tesouro que atopaches
foi de piollos!
Non a ti; do que che pasa
culpo ao fisco, ao ruín goberno,
Xan de Deza;
ese lobo que te arrasa,
que ter fai meter no inferno
de cabeza.
Mais os fados teus adversos
outros foran se o mitrado,
por seu brillo,
como condena os meus versos 
condenara o condenado
Ciprianillo.
Olla, Xan: pra esas tristuras
que te afogan, pra esas dores
hai recetas.
Dos magos deixa as lecturas,
le os galegos escritores
e poetas.
Non máis soñes, bon labrego,
non máis soñes montes de ouro
nin moreas.
Teu mellor libro é o galego,
teu gran tesouro o tesouro
das ideas.
Cando consultes Murguía,
Paz, Pondal, Añón e Lamas
e no bico
as cancións de Rosalía
teñas sempre, que tanto amas,
¡serás rico!
Serás rico, Xan de Deza,
mal que pese á gorxa rouca
dalgún frade;
que no mundo a mor riqueza
é a virtude -cunha pouca
liberdade-.
Se eses nomes soletreas,
recobrar podrás dun tombo
casa e hortas,
e de pan túas tullas cheas,
non irás cun fol ao lombo
polas portas.
Eses nomes tén virtude:
son estrelas de fagueiro
doce brillo,
que dan bens e dan saúde:
¡son a Patria, o verdadeiro
Ciprianillo! 

Curros Enríquez