O AGRO GALEGO PIDE XENTE
A
cada momento son mais os lugares que fican abandonados. Casas e
leiras énchense de silveiras e o noso rural empobrécese ao mesmo
tempo que a poboación envellece e finalmente desaparece. Mais esta
situación non é casual. A agricultura e a gandaría sufriron o
embate das políticas ditadas pola Unión Europea e o grande capital,
que lonxe de buscar dinamizar e facer do medio rural unha opción
para os mozos e mozas, rurais ou non, no que desenvolver a súa
atividade e as súas vidas, deseñaron todo un plano de destrucción
e desmantelamento que nos leva à dificil situación
actual.
Primeiro dixeron que tiñamos que ser mais “modernos”
e “profesionais” para competir en Europa e neste novo mundo
globalizado. Que ademais tiñamos que ser mais grandes, que as
pequenas explotacións que secularmente alimentaron este país e que
foron celeiro e despensa de nacións veciñas e mesmo de ultramar non
tiñan futuro. Dixeron que ademais tiñamos que ser menos, e
que os primeiros en desaparecer serían eses “pequenos” que aínda
sobrevivían e que eran unha distorsión no novo modelo de
“modernidade” que nos traían os ventos que sopraban desde
Bruxelas. Que o campo poría a todos ricos, e os fillos e fillas dos
labregos poderian estudar unha carreira e fuxir das miserias do
campo…
No nome da profisionalización, as explotacións
convertéronse en monofuncionais. Instaláronse os novos modelos
produtivos, de grandes establos e de animais presos encerrados entre
muros de formigón. Despreciouse a capacidade produtiva da nosa horta
e noutros setores, como o viñedo, deuse paso à entrada de capital
especulativo e a modelos tipo “Falcon Crest” que nada teñen que
ver coa nosa realidade.
Mais a crise do modelo económico que nos
azouta está a pór en cuestión ese “fantástico” deseño do
noso rural: as explotacións que se fixeron dependentes de insumos
alleos à explotación e sobre todo das axudas europeas ven que esas
agora non chegan. A dramática redución de explotacións fai que os
e as poucos que quedan teñan unha escasa cando non nula capacidade
de presión e nogociación á hora de definir o prezo das suas
producións, e a Adminitración, na sua promesa de
“austeridade”, desmantela os poucos e moitas veces precarios
servizos que tiñamos no medio rural.
Mais ao mesmo tempo xente
nova chega ao noso rural. Uns/unhas empeñanse en quitar adiante as
explotacións familiares, con novas ideas e novos proxectos.
Outros/as acheganse por primeira vez ao campo desenvolvendo novas
atividades ou recuperando vellos oficios con novos folgos e moita
imaxinación. Distintos proxectos, distintas visións, mais unha
reflexión coincidente: o noso agro ten futuro.
Coñezámonos,
compartamos as nosas experiencias, os nosos erros e os nosos acertos,
as nosas ilusións e e os nosos medos, reflexionemos sobre o noso
futuro, desde os proxetos persoais aos comunais, desde a
multifuncionalidade, a ecoloxia, o respeito polo medio e co ollar
posto na nosa capacidade. Cremos que o noso rural ten futuro, mais
teremos que escribilo entre todos e todas nós, e non deixar, outra
vez, que sexan outros quen o fagan.
( O artigo non é meu, aínda que lle tiven que facer varios axustes de tradución e mesmo agora non estou contento co resultado). Pero amosa algo que si está pasando no eido agrario de Galicia. O noso agro debería de estar máis estruturado en sentido global. Podía ser unha fonte de moita riqueza e non o é.