FORON GALEGOS OS QUE DESCUBRIRON AUSTRALIA E NOVA ZELANDIA
Investigadores de París e Canberra din que os galegos descubriron Australia 240 anos antes que Cook
Investigadores de París e Canberra din que os galegos descubriron Australia 240 anos antes que Cook
Reza o dito que hai galegos ata na Lúa. E, aínda que non foron atopados no satélite natural da Terra, a historia adoita confirmar calquera esaxeración ao respecto. Así sucede cos nosos antípodas. Aínda que as enciclopedias atribúen a súa conquista ao inglés James Cook, son moitos os expertos que afirman que Australia e Nova Zelandia foron descubertas por galegos.
Cando, en 1642, o explorador holandés Abel Tasman recalou en Nova Zelandia, atopou uns celeiros sobre piares. Eran unhas construcións estrañas, que non existían en ningunha outra cultura desa zona do globo. Hoxe, non poucos estudosos afirman que, en realidade, son hórreos… Hórreos galegos levantados polos aborixes maorís.
A orixe desta historia está na expedición que, en 1525, partiu dende A Coruña cara á India, comandada por García Jofre de Loaísa. O seu obxectivo era consolidar os descubrimentos feitos por Magallanes tres anos antes. E converteuse na segunda frota que logrou circunnavegar a Terra.
Entre os fitos desta expedición está o rescate de Gonzalo de Vigo, un grumete vigués que se perdera na campaña de Magallanes e que sobreviviu durante catro anos na illa de Guam, vivindo cos nativos. Por asombrosa casualidade, foi encontrado pola nova frota e está considerado o primeiro robinsón do océano Pacífico.
Había palabras galegas na lingua dos aborixes, que tiñan un Deus Ouro
Pero antes deste feito insólito, sucedeu outro que marcaría esta historia: o extravío da carabela “San Lesmes”, que se perdeu no océano e xamais foi atopada. O buque, de 80 toneladas, levaba cincuenta tripulantes, dos que a meirande parte, uns trinta, eran galegos.
Pero antes deste feito insólito, sucedeu outro que marcaría esta historia: o extravío da carabela “San Lesmes”, que se perdeu no océano e xamais foi atopada. O buque, de 80 toneladas, levaba cincuenta tripulantes, dos que a meirande parte, uns trinta, eran galegos.
Durante séculos, pouco se soubo da sorte destes homes, agás por un feito moi estraño: Hai palabras e topónimos en galego en Australia, Nova Zelandia e algunhas illas do arquipélago polinesio de Tuamotu. Hoxe dáse por certo que a súa orixe está nos náufragos galegos da “San Lesmes”.
A primeira teoría expúxoa Roger Hervé, conservador do Departamento de Mapas da Biblioteca Nacional de París, que en 1982 publicou “O descubrimento fortuíto de Australia e Nova Zelandia por navegantes portugueses e españois”.
“A carabela perdida”
Pero foi en 1988 cando o historiador Robert Langdom, da Universidade de Canberra, publicou “A carabela perdida” (“The lost caravel”. Pacific Publications, 1988), na que afirma que os galegos se estableceron en Nova Zelandia, Australia e a illa de Amanu, onde narracións orais contan a chegada da “San Lesmes“.
Pero foi en 1988 cando o historiador Robert Langdom, da Universidade de Canberra, publicou “A carabela perdida” (“The lost caravel”. Pacific Publications, 1988), na que afirma que os galegos se estableceron en Nova Zelandia, Australia e a illa de Amanu, onde narracións orais contan a chegada da “San Lesmes“.
O profesor Langdom (quen por certo comparte nome co protagonista de “O código da Vinci”), asegura que o navegante inglés James Cook, que chegou a Australia 240 anos máis tarde, atopou poboación branca nalgunhas illas e na costa australiana. Tamén localizou palabras que identifica como galegas. Ademais, cre que a relixión de Amanu, única na zona, adora o “Deus Ouro“, o cal identifica coa ansia por este metal dos europeos recén chegados.
Ao igual que, na mesma época, facía Hernán Cortés no imperio mexica, a obsesión dos conquistadores era o vil metal. Tanto preguntaban polo ouro que os aborixes chegaron a darlle carácter divino e a adoralo.
Pero, para que o caso sexa redondo, o historiador australiano di que os celeiros que empezaron a construírse en Nova Zelandia no século XVI non son outra cousa que hórreos. Hórreos galegos nas antípodas.
O estudo de Langdom conclúe que a “San Lesmes” foi arrastrada por unha tormenta e encallou en Amanu. Alí desprendéronse dos canóns, para reflotala. Segundo el, estas son as baterías do século XVI que atoparon en 1969 os franceses, durante a construción da base militar de Hao, para as probas nucleares no atol de Mururoa.
Os galegos establecéronse nestas illas, onde alcanzaron unha posición preeminente. Tras reparar a carabela, intentaron viaxar ás Molucas, pois sabían que esas illas, chamadas entón “das especias”, eran o obxectivo da Coroa española. E que, se ben xa non poderían contactar coa expedición de Jofre de Loaísa, talvez atoparían outra expedición ou a cidade forte que pretendían fundar os seus compatriotas.
Os esforzos dos náufragos da “San Lesmes” foron inútiles. A bordo da súa maltreita carabela só conseguiron vagar por Australia e Nova Zelandia, deixando a súa cultura, unha lingua, e, polo visto, un bo puñado de descendentes. Que serían os brancos que logo atoparía o capitán James Cook.
E por isto hai hórreos nos antípodas. Cando menos, eso sostén un historiador da Universidade de Canberra. E algúns outros colegas no mundo. Así queda claro que, agás na Lúa, haiche galegos en todas as partes. E o da Lúa aínda está por ver…