martes, 3 de diciembre de 2013

Querido emprego.


Estimado Emprego:


Sei que non andas moi ben de saúde , pero non obstante atrevome a escribirche esta carta polos moitos anos de amizade que nos unen, e sendo consciente que a nosa relación non atravesa os mellores momentos dende que nos coñecemos. Nos últimos anos distanciámonos, e nas poucas veces que coincidimos, máis valería non o ter feito.

Non é esta unha carta de reproches, nin un intento de xustificar a miña falta de contacto contigo, nin sequera pretendo conseguir os teus favores, só quero explicarche as interferencias de terceiros na nosa estreita e frutífera relación, agora deteriorada. Interferencias que non só provocaron o noso distanciamento, senón tamén a dificultade que agora temos de volver retomar a nosa relación. Interferencias que ademais, creo descoñeces.
Quero dicirte que aqueles que temos contacto coas persoas que non teñen ningún tipo de relación contigo dende hai anos (Para nomealos usan o eufemismo: Parados de longa duración), estamos a ser testemuñas dunha deterioración galopante da nosa sociedade, cuxo futuro non se albisca moi prometedor (“Doce Crise” para algúns). E agora, co teu permiso diríxome ás persoas que están a interferir nesta relación.

Este grupo de persoas, non son unha nin dúas, non en absoluto. Son, polo menos, todos os responsables da xestión pública e privada deste territorio dende ao ano 1982 ata os nosos días. Que non se pode xeneralizar? Pois o que teña argumentos para defenderse que os publique, a ser posible de forma individual, clara e con testemuñas.

Señores responsables da xestión, vostedes nunca entenderon a súa función como algo colectivo, máis ben pasaron polos seus cargos co ánimo de crecer só persoalmente, de alimentar o seu propio ego... un tras outro. Nunca loitaron polo desenvolvemento dun modelo de negocio sostible no tempo, que permitise que a nosa relación co emprego non rematase. Foi para todos vostedes máis rendible (e para os seus amigos) o crecemento doado, e por desgracia esqueceron que estaban a sementar para producir a ruptura da relación máis rendible para todos.

Señores responsables da xestión, vostedes (durante décadas) degradaron a formación académica, a profesional, a continua e todo aquilo que significaba mellorar para unirnos máis co noso amigo o emprego. Porque parece que descoñecen que un dos motivos polos que nunca rompe esa amizade é a FORMACIÓN.


Señores "responsables" da xestión: vostedes non foron nin son conscientes da situación das persoas do seu territorio. Vostedes limítanse a publicar os datos do paro unha vez ao mes, algo que non entendo. Tradéannos co dato da prima de risco, case de forma online, cada minuto, cada noticiario, dato que non interesa a aqueles que loitan por retomar a súa relación co emprego, dato que só posibilita coñecer o diferencial de valor da débeda a longo prazo do seu territorio co alemán, deberían saber que aquí abaixo as débedas se reclaman dun día para outro. Pois pregúntome: Por que non temos o indicador do número de parados publicado da mesma forma que a prima de risco? Ten problemas técnicos? (Sarcasmo).


Vostedes, señores que ven brotes verdes en non sei onde e luces ao final de túneles polos que non nos invitaron a transitar, saiban que hai un gran número de persoas que será moi, pero que moi difícil que poidan recuperar a súa amizade co emprego. Persoas que necesitan apoio e sobre todo formación. Persoas que non saben que facer, que xa están totalmente desmoralizadas, persoas que non saben que é un correo electrónico, que nin sequera saben tomar na súa man un dispositivo que a maioría chamamos "rato".



Querido Emprego, non me estenderei máis, nestes tempos non se levan as cartas moi longas e esta podería ser eterna. Só un último detalle Saberán estes grandes estadistas que é a brecha dixital? Ti e eu sabémolo, xa hai tempo que tes novas relacións que nacen dende Internet, sabes que moitas oportunidades de establecer amizade contigo pasan por este novo medio, non sei se será o futuro, pero si forma parte do presente.



Espero que teñas un futuro prometedor, brillante, esperanzador. O teu futuro será o de moitas persoas que agora non saben cal é o seu.


Ximo Salas.