domingo, 22 de enero de 2012

De meu tío para a súa filla Esther(2).

  


Perfil Profesional de Esther Dourado González: Cadreche


MANUEL DOURADO DEIRA.

   O pasado sábado, 14-1-012, facía unha leve alusión a este negro acontecemento familiar do seu pasamento. Persoas achegadas á familia e amigos pareceulles que debía trazar un breve perfil profesional centrado no Colexio de Cadreche onde transcorreu o groso do labor docente de Esther durante 20 anos, con repercusións, non só estrictamente internas no propio colexio, centradas na educación personalizada de cada alumno, senón tamén no seu entorno social, onde o alumno debe integrarse como cidadán. Porque de pouco serve o labor pedagóxico e didáctico mais exquisitos no interior do colexio, se non se resolve previamente a problemática familiar e social do alumno. Porque ese labor non sería asimilado con gusto polo alumno frustrado por problemas familiares e mesmo do seu ambiente máis próximo. Débese ter en conta que a afectividade do propio alumno conectada e estimulada polo docente é esencial para a receptividade do alumno. Problemas que Esther abordou con entusiasmo e eficacia, non só na aula, senón dende a secretaría do Colexio que levaba paralelamente ao labor docente.
   Desde a secretaría, deben resolverse os problemas que as institucións administrativas superiores plantean e tamén atender as cuestións que presentan os familiares. Non sempre, sen embargo, os familiares cumpren con esa obriga, ben por razóns laborais, ou de calquera outro conflicto da sociedade actual. Iso repercute seriamente” no labor de formación do alumno e na tarefa educativa do profesor, que terá que resolver previamente os problema do entorno familiar do neno se quere que o seu traballo sexa proveitoso para el. E iso só o pode lograr o profesor mediante o cariño, a persuasión, a comprensión e a conexión afectiva co alumno. Porque a afectividade é esencial para que o alumno sexa receptivo á formación que se lle pretende transmitir. E iso soubo facer Esther moi eficazmente. E, cando os pais fallan, son os pobres avós quen, en moitos casos, ten que asumir esa responsabilidade do coidado dos netos que xa non lles é propia. Males dunha época que os docentes teñen que enfrontar. A familia é esencial no labor educativo. Sabémolo todos. Se a familia falla, a escola fracasa.
   Son pai e a miña visión podería resultar máis subxectiva ca real, pese a que visitei o Colexio de Cadreche varias veces e tiven ocasión de falar con moitos nais e pais. Todos eloxiaron o labor de Esther. Son os seus compañeiros de sempre quen, por boca do Director, corroboran a miña versión: “Era considerada como unha boa profesional, esixente consigo mesma e cos alumnos, sen prexuízo dunha boa compresión cara os problemas de cada alumno; boa compañeira, rigorosa no seu traballo durante os 20 anos que durou a súa docencia no centro”
Non quixera rematar esta semblanza sen unha mención especial para o nutrido grupo de amigos/as que tiña Esther en toda a zona. Gracias a todos. Neste momento, é vehemente desexo da familia de que aquí remate o período de condolencias ¡!Punto final.