domingo, 22 de enero de 2012

De meu tío para a súa filla Esther(1).



En Memoria de dous seres queridos: Gratitude!


MANUEL DOURADO DEIRA

Eses dous seres son Isaac Díaz Pardo e Esther Dourado González, filla. A negra e fría sombra da morte cubriu co seu manto sombrío o día de Reis, día que quedará marcado para o resto dos nosos días. Non hai explicacións. Para qué? Sen embrago, queda o capítulo da gratitude que considero transcendental.
Sobre Díaz Pardo, xa se dixeron moitas e moi sabias verdades. Nin vou, pois, a insistir máis sobre o que todos os que queriamos e admirábamos a este gran home polifacético se salientaron. Simplemente, recordar algunhas das bases sobre que se asentaba a nosa vella e profunda amizade. Foi arredor dos anos 1960-61, data na que regresaron os Dieste, D. Rafael e a súa dona, dona Carmen Muñoz. Era polo verán. Os Dieste viñan de visitar a D. Roxelio Pérez González, seu grande amigo, Mestre, inspector do ensino primario, escritor, renovador da pedagoxía e da didáctica para un ensino galego e en galego. Encheu Galicia de bibliotecas escolares con libros sobre Galicia e nos diverso xéneros que entón existían, cuxos autores pertencían ao Grupo Rexionalista, Irmandades da Fala e, mais tarde, durante a II República. A el debo que, pese ao ventos en contra, escribira en galego, pois os meus primeiros artigos escribino en castelán.
Pasando algún tempo, reuníamos na casa dos Dieste, ávidos de ter información de primeira man sobre o que acontecera en Galicia durante o seu exilio. Alí foi onde, durante unha gran velada, conversamos ata altas horas da madrugada. Falamos de todo o divino e humano. A partir daquela noite, a nosa amizade foi afirmándose e medrando en extensión e profundidade ata o Día de Reis no que emprendeu a súa viaxe definitiva. Cousa que lamento profundamente por partida dobre.
Pero ti, amigo Isaac, un dos grandes de Galicia, brillarás coma unha estrela de primeirísima magnitude no firmamento da nosa Terra querida. Sempre serás un referente paradigmático a seguir. Polo menos, mentres no noso País queden xeracións cun amor consciente e crítico pola súa Patria. En consecuencia, ti, como Castelao, sempre serás luz que nos despegue as sombras, dúbidas e incertezas no rumbo que debemos tomar nas encrucilladas que a Vida nos vaia deparando.
Por iso, lamento que non puidera darte o derradeiro adeus. A nosa filla Esther, xusto ese día, tamén emprendeu esa viaxe sen regreso. A tal respecto, manifesto, no nome de toda a familia, a nosa profunda gratitude á multitudinaria asistencia que, tanto no Tanatorio de Rianxo como nos funerais e sepelio nos apoiaron e nos consolaron na nosa dor. Especialmente, ao GRUPO CORREO GALLEGO, ao DIARIO DA AROUSA; a tódolos amigos e compañeiros das miñas fillas Olga, Esther e Lourdes, en especial ás atencións dos compañeiros do Colexio de Cadreche (A Pobra), A Baña e Teo e a calquera outros que non recorde. resulta moi difícil reter na memoria obnubilada, incluso os máis achegados. A todos, Gracias!