A crise, unha estafa detrás
doutra
(Até 13
no artigo, pero hai máis)
Tradución dun artigo de Xoán Torres López. Explica moi ben o que pasou co tema da crise
a nivel mundial e mesmo no noso país. É un artigo moi relacionado coa linguaxe
da economía. Tan só é un exercicio de
tradución para non me esquecer dos meus coñecementos da nosa lingua e como
reto persoal de calidade. As cursivas son da miña colleita. Para máis
información:
http://juantorreslopez.com
A
Real Academia Española da Lingua define de dous modos o verbo estafar. Como
pedir ou sacar diñeiro ou cousas de valor con artificios e enganos e con ánimo
de non pagar, e, en sentido xurídico, como cometer algún dos delitos que se
caracterizan polo lucro como fin e o engano ou abuso de confianza como medio.
Por iso eu creo que o termo de estafa é o que mellor describe o que fixeron
continuadamente os bancos, os grandes especuladores e a inmensa maioría dos
líderes e as autoridades mundiais antes e durante a crise que padecemos.
Os
Estados déronlle aos bancos privados o privilexio de crear diñeiro emitindo
débeda coa escusa de que iso era necesario para financiar a actividade das
empresas e os consumidores. Pero nos últimos trinta anos, a banca internacional
multiplicou a débeda para financiar os mercados especulativos e para gañar
diñeiro simplemente comprando e vendendo máis diñeiro, e non para financiar a
economía produtiva. Esta é a primeira
estafa.
Para
dispoñer de recursos adicionais aos que
depositaban os seus clientes, a banca ideou formas de vender os
contratos de débeda e difundiunos por todo o sistema financeiro internacional.
Pero ao facelo, ocultaba que millóns deses contratos non tiñan as garantías
mínimas e que ao menor problema perderían todo o seu valor, como efectivamente
aconteceu. Actuando desa forma e tratando de elevar cada vez máis a
rendibilidade das súas operacións, a banca foi asumindo un risco cada vez maior
que ocultaba aos seus clientes e ás autoridades e que transmitía ao conxunto da
economía.
Esta é a segunda estafa. Alguén oiu falar de LEHEMAN BROTHERS, de onde saiu o actual ministro de Economía Luis de Guindos?
Para
levar a cabo esas estafas, a banca recorreu ás axencias de cualificación que
actuaron como os seus cómplices corruptos enganando sistematicamente a clientes
e autoridades indicando que a calidade deses produtos financeiros era boa cando
en realidade sabían que non era así e que, pola contra, se estaba a difundir un
risco elevadísimo porque eran, como se demostrou máis adiante, puro lixo financeiro.
Esta é a terceira estafa. Quen non escoitou falar las PREFERENTES?
Os
grandes financeiros conseguiron que os bancos centrais fosen declarados
autoridades independentes dos gobernos coa escusa de que estes podían
utilizalos ao seu antollo e de que así era mellor para lograr que non subisen
os seus prezos. Non obstante, o que aconteceu foi que con ese estatuto de
"independentes" os bancos centrais se puxeron ao servizo dos bancos
privados e dos especuladores, mirando a outro lado ante a súa perda total de
orde, control e medida. E así, en lugar
de combater a inflación permitiron que se dese a suba de prezos da vivenda
quizais máis alta de toda a historia e constantes burbullas especulativas en
numerosos mercados. E lonxe de conseguir a estabilidade financeira o certo foi
que durante o seu mandato "independente" tamén houbo o maior número
de crises financeiras de toda a historia. Esta é a cuarta estafa.
Para
xerar fondos abondos para inverter nos mercados especulativos cada vez máis
rendibles, os bancos e grandes financeiros lograron, coa escusa de que iso era
o conveniente para loitar contra a inflación, que os gobernos levasen a cabo
políticas que reducisen os salarios e aumentasen así os beneficios (que na súa
maior parte van a aforro en lugar de ao consumo como lle pasa aos salarios), e
a progresiva privatización das pensións e dos servizos públicos. Esta é a quinta estafa.
Cando
o risco acumulado desa forma estalou e se desencadeou a crise, os bancos e os poderosos lograron que os
gobernos, en lugar de deixar caer aos bancos irresponsables, de encarcerar aos
seus directivos e aos das axencias de cualificación que provocaron a crise,
désenlles ou prestasen a baixísimo interese varios billóns de dólares e euros
de axudas coa escusa de que así volverían enseguida a financiar a economía.
Pero en lugar de facer isto último os bancos e grandes financeiros usaron eses
recursos públicos para sanear as súas contas, para volver ter enseguida
beneficios ou para especular en mercados como o do petróleo ou o alimentario,
provocando novos problemas ou que en 2009 houbese 100 millóns de persoas
famentas máis que en 2008. Esta é a sexta
estafa.
Os
gobernos tiveron que gastar centos de miles de millóns de dólares ou euros para
evitar que a economía se colapsara e para axudar á banca. Como consecuencia
diso tiveron que endebedarse. Como os bancos centrais están dominados por ideas
liberais profundamente equivocadas e ao servizo da banca privada, non
financiaron axeitadamente aos gobernos, como si fixeran cos bancos privados, e
iso fixo que tivesen que ser os bancos privados os que financiasen a súa
débeda. Así, estes últimos recibían diñeiro ao 1% dos bancos centrais e
colócano na débeda pública ao 3, ao 4 ou mesmo ao 8 ou 10%. Esta é a sétima estafa. Ou é que xa ninguén se acorda dos polo menos 40.000 millóns de euros
que o noso país recibiu de Europa, e tan só a metade para Bankia, pedidos polos
nosos gobernantes actuais? Había de ser en Irlanda o Islandia e o conto ía ser
outro.
Como
os bancos e grandes financeiros non quedaron contentos con ese negocio
impresionante, dedicáronse a propagar rumores sobre a situación dos países que
se tiveran que endebedar pola súa culpa. Iso foi o que fixo que os gobernos
tivesen que emitir a débeda máis cara, aumentando así o beneficio dos
especuladores e poñendo en grandes dificultades ás economías nacionais. Esta é
a oitava estafa.
Os
gobernos quedaron así atados de pés e mans ante os bancos e os grandes
fondos de
investimento e, grazas ao seu poder nos organismos internacionais, nos medios
de comunicación e nas propias institucións políticas como a Unión Europea,
aproveitaron a ocasión para impoñer medidas que a medio e longo prazo lles
permitan obter beneficios aínda maiores e máis doadamente: redución do gasto
público para fomentar os negocios privados, (moitas
veces en mans de parentes dos políticos) reformas laborais para diminuír o poder de
negociación dos traballadores (como a que
nos impuxeron nestes últimos tempos e da que o oitenta por cen da xente en
realidade descoñece) e os seus salarios, (preto de 650 euros de salario base no noso país fronte a salarios de
1400 euros de salario base como en Francia), privatización das pensións,
etc... Afirman que así se combate a crise pero en realidade o que van producir
é todo o contrario porque é inevitable que con esas medidas caia aínda máis a
actividade económica e o emprego porque o que fan é diminuír o gasto produtivo
e "o combustible" que os sostén. Esta é a novena estafa. Polo camiño quedaron o emprego, a xente que acabou
na rúa sen vivenda e sen axudas, etc.
Dende
que a crise se mostrou con todo o seu perigo e extensión, as autoridades e mesmo
os líderes conservadores anunciaron que estaban completamente decididos a poñer
fin ás irresponsabilidades da banca e ao descontrol que a provocara, que
acabarían co segredo bancario, cos paraísos fiscais e coa falta de regulamento
que vén permitindo que os financeiros fagan calquera cousa e que acumulen risco
sen límite con tal de gañar diñeiro... Pero o certo é que non tomaron nin unha
soa medida,nin unha soa, nesa dirección. Esta é a décima estafa.
Mentres
está a pasar todo isto, os gobernos, escravos ou cómplices dos poderes
financeiros, non pararon ainda de esixirlle esforzos e sacrificios á cidadanía
mentres que aos ricos e aos bancos e financeiros que provocaron a crise non
lles deron senón axudas constantes e todo tipo de facilidades para que sigan
facendo exactamente o mesmo que a
provocou. Grazas a
iso, estes últimos están a obter de novo centos de miles de millóns de euros de
beneficios mentres que cae a renda dos traballadores, dos xubilados ou dos
pequenos e medianos empresarios. Esta é a undécima
estafa. É ou non?
Mentres
que constantemente vemos que os presidentes de gobernos reciben instrucións do
Fondo Monetario Internacional, das axencias de cualificación, dos banqueiros ou
da gran patronal, a cidadanía non pode expresarse e déselle que todo o que está
a acontecer é inexorable e que o que eles fan é o único que se pode facer para
saír de atranco. Esta é a duodécima
estafa. E repíteno tódolos días,
especialmente polos canais públicos como LA UNO , que a xente que oe, pero non escoita, ó cre.Quen
dos que está a ler este artigo provocou a crise? Ou foron máis ben os que nos
menten cada día?
Finalmente,
quérese facer crer á xente que a situación de crise na que estamos é o
resultado dun simple ou momentáneo mal funcionamento das estruturas financeiras
ou mesmo económicas e que se poderá saír dela facendo unhas cantas reformas
laborais ou financeiras. Engánannos porque en realidade vivimos dende hai
decenios en medio dunha convulsión social permanente que afecta a todo o
sistema social. A verdade é que cada vez hai un maior número de seres humanos
famentos e máis diferenzas entre os autenticamente ricos e os pobres, que se
acelera a destrución do planeta, que os medios de comunicación están cada vez
en propiedade de menos persoas, que a democracia existente apenas deixa que a
cidadanía se pronuncie ou inflúa sobre os asuntos máis decisivos que lle
afectan (Ou para que pensades que é a
nova lei que multa por manifestarse e persegue con cargas policiais ós cidadáns
de a pé?) e que os poderosos se empeñan en impoñer os valores do
individualismo e a violencia a toda a humanidade. Esta é a trixésima estafa.
O que aconteceu e o
que segue acontecendo ao longo é a crise é isto, unha
sucesión de estafas e por iso non se poderá
saír dela ata que a cidadanía non se impoña aos estafadores impedindo que sigan
enganándoa, (Como no Gamonal onde a xente
prefire que se paguen garderías o outros servizos públicos en vez de invertelos
en algo que beneficia o construtor de quenda, que para máis inri foi xa
condenado por estafa pero que nada lle pasa por ser afín o “Grande Irmán”? ) ata
que non lles obrigue a dar contas dos seus delitos financeiros e ata que non
evite definitivamente que sigan comportándose como ata agora.